Tuesday 07 de May de 2024

O alcalde salienta que Santiago conta con investimentos comprometidas ou en execución por parte de todas as administracións por valor de máis de 300 millóns de euros


Nun encontro coa prensa local, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, fixo balance das actuacións do Concello no último ano “con pasos importantes” na construción da estación do AVE, a EDAR, o enlace Orbital e o Orbitaliño, así como na autovía de Lugo e en materia industrial, coa ampliación do tecido produtivo co Biopolo da Sionlla como gran proxecto que comezará a funcionar en xaneiro do próximo ano. Con vistas á corto e medio prazo, destaca que na cidade hai máis de 300 millóns de euros comprometidos en investimentos por parte das diferentes administracións para 2025-2026.

“Hai 300 millóns e confío en chegar aos 350” explicou o alcalde, que detallou as diferentes actuacións que hai en marcha ou comprometidas por parte do propio Concello, o Goberno de España ou a Xunta: “son 68 millóns para a EDAR, 30 na estación intermodal ou 14 no novo cuartel para a Guardia Civil”. Actuacións como a remodelación do Hostal dos Reis Católicos, a rúa Rodríguez de Viguri ou o centro de Protonterapia, así como a ampliación do Hospital Clínico Universitario completan un amplo abano de actuacións que se materializarán entre 2025 e 2026.

“O mandato comezou con 5 grandes temas debatidos e aprobados por unanimidade de toda a corporación en sesión plenaria” explicaba o alcalde, que detallou os pasos dados en cada un deses obxectivos: “a estación do AVE está en construción; a EDAR, adxudicada; o Orbital a piques de rematar e o Orbitaliño pendente da súa aprobación definitiva, pero en trámite”. Outras das prioridades, como a Autovía de Lugo, encóntrase xa en “execución avanzada” e ten a data fixada de remate das obras no 2024.
Sobre a ampliación do tecido produtivo, avanzan as obras do Biopolo no Polígono da Sionlla “que non é unha idea nin un proxecto, vai ser unha realidade efectiva e operativa a partir de xaneiro”, nas que ademais xa se está a pensar na súa segunda fase.

Tamén nos grandes contratos do Concello, “que facilitan a vida diaria da nosa veciñanza” logrouse adxudicar tres e licitar un cuarto: “licitamos e adxudicamos a limpeza viaria, o concurso de parques e xardíns e o Servizo de Axuda no Fogar, ademais sacamos a licitación o alumeado público”, mentres se traballa no contrato para o transporte público, que o alcalde confía en poder sacar a licitación nos próximos meses. Tamén salientou que están a funcionar preto dunha decena de novos vehículos en substitución dos máis antigos.

As persoas, prioridade durante a crise

O alcalde ademais quixo destacar o importante papel da administración durante a pandemia, asistindo desde Servizos Sociais a 1.700 familias e máis de 4 mil persoas, dinamizando o comercio e a hostalaría local a través de iniciativas como os Bonos Corazón ou con axudas directas a fondo perdido para empresas ou entidades, tamén culturais.

“As crises fixeron que tiveramos que reformular as nosas prioridades, poñendo por enriba das inversións e das obras ás persoas” explicou o alcalde, que insistiu ademais no importante papel que xogou e segue a xogar a administración local na dinamización comercial da cidade tras o parón provocado pola crise sanitaria.